A web do Atletismo Naron utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí
Política de cookies

Os nosos rapaces logran o Ascenso e regresan a 1ª División Nacional!

As Pistas de Atletismo Ciudad de Salamanca (Helmántico) foron as encargadas esta tempada de acolle-las Finais A Masculina e Feminina de Segunda División Nacional, xuntando un total de 16 equipos nunha loita sen cuartel polas prazas (dúas por categoría) que daban acceso ao ascenso. E, tal e como ocorrera en Huesca 2011, os nosos non quixeron deperdicia-la ocasión e, exactamente un ano despois de perde-la categoría en Moratalaz, o equipo masculino do club lograba de novo o Ascenso a Primeira División Nacional. [Clasificación Final]

Xa dende primeira hora da mañá as probas se sucedían segundo o previsto polos nosos, situándose en todo momento nos primeiros postos da clasificación e acumulando boas actuacións: non en van, os atletas do Narón acadaron un total de catro primeiros postos, catro segundos e dous terceiros, conseguindo incluso establecer Récords do Club e Galegos nalgunhas das disciplinas. Grazas a todo isto, foron capaces de proclamarse Subcampións de España de 2ª División Nacional e de facerse, polo tanto, co ansiado ascenso.

O equipo ao completo, a falta de David, momentos despois de logra-lo ascenso. Enorme tempada, rapaces!

A clasificación final do octogonal foi liderada polo CD Surco Aventura (1º con 112'5 puntos), seguidos do Club Atletismo Narón (2º, 102'5), CA Santiago (3º, 93'5), CA Torrelavega (4º, 86), Lucus Caixa Rural (5º, 84), Clínicas Rincón Vélez (6º, 81), Valencia Esports (7º, 79'5) e Camisetas Económicas Elda (8º, 76). Aproveitamos a ocasión para animar aos nosos compañeiros do Santiago (que de seguro para o ano mellorarán esa agridoce 3ª posición e conseguirán o ascenso) e aos do Lucus (xa sabedes o que din: á terceira vai a vencida). Parabéns a todos pola gran xornada realizada! [Resultados Salamanca]

A actuación completa dos nosos atletas foi a seguinte:

  • 100ml: Ricardo Suárez, 1º con 10"98 (+0'0m/s).
  • 200ml: Javi García, 2º con 22"07 (+0'8m/s, MMP).
  • 400ml: Demba Sanyang, 6º con 52"56.
  • 800ml: Elian López (Coruña Comarca), 4º con 1'55"31.
  • 1500ml: Martín Regueira, 6º con 4'16"05.
  • 3000ml: Santi García, 2º con 8'50"16.
  • 3000m Obst.: Miguel Soto, 7º con 13'13"02 (MMP).
  • 5Km Marcha: Alex Novás, 3º con 25'01"98.
  • 110mv: Roberto Tuimil, 8º con 18"19 (+0'3m/s).
  • 400mv: Eulogio Cao, 8º con 1'01"59 (MMP, mellorando o seu propio Récord Galego da distancia en categoría vet. M40).
  • Altura: Alex Romero, 2º empatado con 1'70m.
  • Lonxitude: Rubén Martínez, 5º con 6'43m (-0'5m/s).
  • Triplo: Anxo Blanco (Coruña Comarca), 1º con 15'07m (+1'3m/s, MMP ao aire libre coa que reventa a Mellor Marca do Club na proba, que él mismo posuía dende o ano pasado con 14'30m).
  • Pértega: Carlos Montero, 2º con 4'20m (=MMP, a tan só 1cm do Récord do Club).
  • Peso: Telmo Beceiro, 4º con 11'23m.
  • Disco: David Martínez, 1º con 43'50m.
  • Xavelina: Iago Pazos, 3º con 54'89m.
  • Martelo: Faisal Dauda, 4º con 38'24m.
  • 4x100m: Aquilino Lousa (CoCo), Javi García, Xoán Díaz e Ricardo Suárez, 1º con 42"56 (segundo relevo da tempada dos catro integrantes e segundo Récord do Club, mellorando por dúas centésimas o anterior).
  • 4x400m: Cristian Montecelo (CoCo), José Pena, Xoán Díaz e Noel Soto (CoCo), 6º con 3'37"55.

-Club Atletismo Narón

Ademais das probas propias do campionato, realizáronse coma sempre varias series de 100ml extra, onde tivemos competindo a Aquilino Lousa (11"13, +1'0m/s), Elvis Rondón (11"33, +2'3m/s), José Pena (11"75, +2'3m/s), Rubén Martínez (11"76, -0'1m/s), Cristian Montecelo (11"90, +2'3m/s), Noel Soto (11"92, -0'1m/s, MMP), Eulogio Cao (12"07, -0'1m/s, MMP) e Demba Sanyang (Descalificado).

Dende aquí só nos queda da-las grazas a tódolos atletas, directivos, adestradores, membros dos nosos filiais (Club Atletismo Coruña Comarca e Club Atletismo Sada) e acompañantes que, ao longo de todo o ano, estiveron presentes nas nosas competicións e felicitalos por ser partícipes doutra tempada para enmarcar: Recordemos que o noso equipo masculino, antes da guinda do pastel que supón o ascenso de onte, foron quen de subirse ao podio tanto na Copa Galega de Clubs en Pista Cuberta (A Coruña), como no Campionato Galego de Clubs ao Aire Libre (Ferrol), conseguindo o terceiro posto en ámbolos dous encontros. Seguimos sumando éxitos xuntos!