A web do Atletismo Naron utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí
Política de cookies

Os nosos atletas, en plena época de competicións estivais

Nestas últimas semanas son moitas as competicións ás que asisten os nosos atletas, que entran nesa parte final da tempada onde chegan os grandes campionatos e o estado de forma permite loitar por mellora-las súas marcas. Comezamos repasando os resultados do pasado mércores 14 de xuño no Campionato de Asturias Xuvenil, Júnior e Promesa celebrado en Xixón, onde Ricardo Suárez conseguía proclamarse Subcampión autonómico promesa nos 200ml cun tempo de 22"93 (+1'0m/s, MMP), que supón o seu mellor rexistro persoal na distancia. Parabéns! [Resultados Xixón]

Ese mesmo día tiña lugar en Pontevedra o XLIV Trofeo Boa Vila - II Xornada XXX Trofeo Super Froiz, no que Carlos Ferrer acadaba o 4º posto no disco absoluto cun mellor intento de 31'81m. [Resultados Pontevedra]

Xa o sábado 17, o Estadio de Atletismo de Balaídos acollía un Control de Marcas no que tomaba parte Rubén Martínez, que na última tentativa conseguía unha nova marca persoal na lonxitude con 6'78m (+0'0m/s, MMP). Fantástico, Rubén! [Resultados Vigo]

Tamén o sábado celebrábase en Lugo a I Xornada Copa Deputación en Pista, onde tomaron parte varios dos nosos atletas: Javier García, que volvía a mellorar unha vez máis o seu mellor rexistro nos 100ml, deixándoo nuns sensacionais 10"91 (+1'9m/s, MMP); Demba Sanyang, que remataba os 400ml nunha nova marca persoal de 51"74 (MMP); Xela González, que realizou 13"86 (+2'4m/s) no hectómetro e conseguíu mellora-lo seu tope persoal na lonxitude con 4'70m (+1'4m/s, MMP); Andrea Lago, que entrou en 20"67 (+2'2m/s) nos 100mv absolutos e se foi até os 4'70m (-0'1m/s) no salto de lonxitude, a 1cm do seu mellor rexistro; Evelyn Fernández, que enviou o peso de 4kg a 7'92m e a xavelina de 500g a 20'54m; e Irene Fernández, que coa mesma bola de peso conseguíu unha marca de 5'93m e coa xavelina de 600g se foi até os 12'76m (MMP). [Resultados Lugo]

Volvía Lugo a ser sede doutra competición o martes 20 coa celebración da II Xornada Copa Deputación en Pista, ata onde se achegaron os nosos velocistas: Javier García, que nesta ocasión non conseguía baixar da barreira dos 11 segundos nos 100ml e remataba segundo con 11"05 (-0'4m/s), mentres que vencía os 200ml con 22"12 (+0'5m/s); Eulogio Cao, que nesas mesmas probas entraba en 12"25 (-0'6m/s) e en 24"51 (+0'5m/s, MMP); Xoán Díaz, que era 4º nos 200ml con 22"59 (+0'5m/s, =MMP); Demba Sanyang, que tamén no dobre hectómetro remataba en 23"66 (+0'5m/s, MMP). [Resultados Lugo]

Continuaba Javier García o seu "tour autonómico" de competicións o mércores 21 no XVI Trofeo Riazor Coruña - III Memorial Ana Domínguez Almao, celebrado nas Pistas do INEF de Bastiagueiro, onde remataba 4º nos 200 metros lisos cun tempo de 22"20 (+1'3m/s). [Resultados Bastiagueiro]