A web do Atletismo Naron utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí
Política de cookies

O At. Narón estará representado por 16 atletas no Autonómico

Como cada ano, a nosa comunidade despide a nivel autonómico a tempada estival coa celebración do Campionato Galego Absoluto en Pista ao Aire Libre, que nesta ocasión terá a súa sede nas Pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra o vindeiro sábado 15 de xullo. A pesar de que moitos atletas do club deron xa por concluída a súa tempada e moitos outros non se poden achegar ao evento (algúns por estar fóra de Galicia e outros por motivos laborais), son varios os rapaces e rapazas que tomarán parte no campionato. [Horario] [Inscritos]

Comezamos repasando a velocidade, onde Javi tomará parte na proba de 100 metros lisos, nos que parte coa 4ª mellor marca do ano entre os inscritos e onde pode loitar polas medallas, e nos 200ml, nos que tamén está situado no 4º esalafón provisional e onde ten como obxectivo principal baixar por primeira vez dos 22 segundos. No dobre hectómetro o acompañará Xoán, na loita por colarse entre os 8 finalistas. Xa nos 400 metros lisos, teremos a Demba, que parte na 5ª posición por ránking da tempada e intentará rebaixar de novo a súa marca para rematar de forma fantástica o seu primeiro ano no mundo do atletismo; e a Manu, que na volta á pista feminina intentará baixar novamente do minuto e, por qué non, facerse co Récord do Club.

-Club Atletismo Narón

Xa nas probas de valos, concretamente nos 400mv, tomará parte a nosa gran sorpresa do ano nesta disciplina, Eulogio, que chega con dous Récords Galegos M40 na distancia e un 4º posto por ránking que pode significar estar na loita polas medallas. Xa en distancias máis longas teremos a Santi, que este ano decidíuse polos 5000 metros nos que, vendo os inscritos, deberá pelexar co que teña para estar nos primeiros postos. Nos 5km marcha teremos aos marchadores Alex Novás e Carlos Morales intentando meterse entre os 8 finalistas da proba.

Pasando xa aos saltos, na pértega teremos a un dos favoritos ás medallas coa participación de Carlos Montero, que parte na 3ª posición entre os inscritos e de seguro intentará consegui-la súa mellor marca persoal e o Récord do Club. Cos mellores na lonxitude estará tamén Rubén, que aínda que parte coa 5ª mellor marca do ano, ten a tiro meterse nos postos de podio. E no salto de altura estará presente un dos capitáns do club, Alex Romero, co obxectivo de meterse entre os 8 finalistas e intentar mellora-la súa marca do ano.

En tres dos lanzamentos teremos a Faisal e a Carlos Ferrer, que probarán sorte ámbolos dous no peso, no disco e no martelo, intentando nas tres probas colarse tamén entre os oito mellores e no caso de Faisal incluso con opcións de achegarse ás zonas de podio. David parte tamén entre os favoritos no lanzamento de disco, aínda que o nivel dos inscritos é moi grande e haberá que loitalo. Na xavelina outro dos atletas da zona superior do ránking vestirá a camiseta do Narón, Iago, que volve dunha lesión e quere remata-lo ano lanzando máis de 60 metros. Para rematar cos homes, Alex Romero completará tamén o trío de probas como Faisal e Carlos e, tras facer a altura, intentará meterse entre os oito mellores da nosa comunidade nas probas de peso e xavelina. Entre as mulleres, Evelyn intentará face-lo propio no lanzamento de peso e loitará por un posto de finalista.

Polo tanto, o sábado teremos unha expedición de 18 atletas participando nun total de 25 probas, ademais dos adestradores, directivos e familiares que se acheguen ata a pista para presencia-lo evento. Moita sorte a todos!

Dende aquí gustaríanos destaca-lo gran traballo este ano por parte da FGA no que ao cartel do evento se refire. Boa montaxe empregando a gran foto de Antón Gómez dun dos atletas máis recoñecidos e queridos a nivel autonómico, o capitán e lanzador da SGP Victor Gallego. Así deberían ser tódolos carteis dos nosos campionatos. Parabéns a quen corresponda!