1 ouro, 1 prata e 2 bronces para o Afflelou Narón en Riazor

O domingo 13 celebrábase no Pazo dos Deportes de A Coruña o Campionato Galego Cadete de Pista Cuberta, ademáis dos 3000 metros lisos do Campionato Galego Absoluto e diferentes probas englobadas nun control de marcas. Antes que nada temos que destacar a consecución dun novo Récord Galego Absoluto en lanzamento de peso masculino por parte de Víctor Gallego. O atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra, co seu lanzamento de 17,13 metros, sobrepasou por primeira vez a barreira dos 17m e conseguiu mellorar o rexistro de 16,82m en poder de Óscar Fernández (CDU) dende o 2001.

No referente á proba dos 3000 metros lisos do Cto. Absoluto,  gran actuación dos nosos atletas, conseguindo a prata Santiago Rodríguez (8'53"52) e o bronce Sergio Piñón (8'59"71). No apartado femenino, Eva Teijeiro finalizou 6ª con 12'43"00, mentres que Susana Serantes entrou detrás dela cunha nova mellor marca persoal de 12'43"84.

Por parte dos nosos cadetes, salientá-la medalla de ouro conseguida por María Rodríguez en lanzamento de peso, que nun concurso moi regular acadou os 10,04m; ademáis María sobrepasou a súa marca persoal en 50cm, tendo agora aproximadamente un mes para conseguir mellorar outros 46 centímetros que suporían a marca mínima esixida pola RFEA para participar no Campionato de España Cadete de Pista Cuberta. Destacar tamén o terceiro posto e polo tanto medalla de bronce conseguida por Inés Vázquez na proba dos 600ml, cun tempo de 1'47"30. Competiron tamén no campionato cadete Alba González en peso (11ª con 7,11 metros) e Sara Fernández en tres saltos: lonxitude (4,35 metros, MMP e 6º posto), triplo (9,25 metros, MMP e 7ª posición) e altura (1,29 metros, acabando en sétimo lugar).

Por outra parte, o atleta do Club Atletismo Afflelou Narón Aarón Soto competiu no control de marcas na proba de lanzamento de peso, onde conseguiu lanzar 12,00 metros.

Resultados